Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Noia destina 24.000 euros a axudas para o transporte de estudantes universitarios ou de ciclos de formación


 

As axudas oscilarán entre os 17,4 e os 151,2 €/trimestre, dependendo do lugar do centro de estudos, e o prazo de solicitude é de un mes

O Concello de Noia vén de publicar hoxe no BOP das bases reguladoras das axudas para o transporte de estudantes durante o curso académico 2019-2020. Unhas axudas nas que o departamento dirixido por Mariola López Cierto investirá un total de 24.000 euros. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Noia durante o prazo dun mes.

As axudas están dirixidas a alumnos e alumnas que cursen estudos universitarios ou de ciclos de formación en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Muros, Porto do Son, Pobra do Caramiñal, Bertamiráns, Padrón, Riveira, Boiro, Rianxo, Negreira ou Vilagarcía de Arousa. As axudas consistirán nunha cantidade trimestral fixa segundo a distancia á vila onde se desenvolvan os estudos. Así, as persoas que estuden en Boiro ou Outes recibirán unha axuda de 17,4 euros mentres que os que o fagan en Ferrol ou Lugo recibirán 127,8 e 151,2 euros, respectivamente.

Para poder optar a estas axudas é requisito fundamental que a persoa solicitante estea empadroada en Noia cun mínimo de 6 meses de antigüidade, que os ingresos brutos per cápita da unidade familiar non superen en máis de 1,5 veces o salario mínimo interprofesional e que curse estudos universitarios ou de ciclos de formación e manteña a matrícula durante todo o curso 2019-2020.

A valoración das solicitudes farase aplicando tres criterios: ingresos económicos (de 1 a 10 puntos), situación familiar (3 puntos máis nos seguintes supostos: familia numerosa, orfo absoluto ou que a persoa sustentadora principal estea desempregada, viúva, divorciada ou separada) e discapacidade (10 puntos cando sexan actividades en centros ou asociacións para persoas con discapacidade).